Un veleiro británico adaptado para discapacitados atraca no Porto de Marín
Por Redacción
O "Tenacious", veleiro británico adaptado para realizar travesías con pasaxe con diversos graos de discapacidade, fixo escala no Porto de Marín procedente de Milford e permanecerá atracado ata o xoves no Novo Peirao Comercial, na antiga terminal de colectores, antes de seguir ruta cara a Lisboa.
Trátase dun veleiro de madeira de tres paus con 65 metros de eslora e 11 de manga. Pertence á organización británica Jubilee Sailing Trust, unha entidade sen ánimo de lucro que ofrece a posibilidade de navegar e tripular embarcacións a persoas discapacitadas. Na propia construción do barco, que foi botado no ano 2000, participaron 1.500 voluntarios.
O "Tenacious" está preparado para albergar 40 pasaxeiros ademais doutras dez persoas de tripulación. O seu obxectivo é que todos os tripulantes teñan un papel activo durante a navegación, sexa cal for a súa discapacidade.
Por este motivo vai equipado con medios adaptados como sinais en braille, camiños guiados en cuberta para persoas con problemas de visión, escaleiras levadizas, indicadores táctiles para favorecer a orientación proa-popa, almohadillas con sistema de vibración en literas para alertar a persoas xordas ante unha urxencia ou sistemas de seguridade para garantir a estabilidade das cadeiras de rodas durante os temporais.