Froiz e Viaqua renovan a súa colaboración co Pazo da Cultura
Por Alejandro Espiño
O Pazo da Cultura volverá a contar en 2015 coa colaboración económica de dúas empresas, Froiz e Viaqua. Achegarán 6.000 e 4.000 euros, respectivamente. Non van destinados a financiar unha actividade en concreto, senón que se incorporarán ao presuposto global do organismo. Son as únicas achegas privadas, xunto cunha terceira empresa que cede 3.000 euros e que prefire non o facer público, para o seu financiamento.
Representantes destas dúas compañías asinaron este xoves o convenio co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen agradeceu tanto a Froiz como Viaqua que sigan apostando por apoiar o Pazo da Cultura, especialmente nunha época na que se reduciu notablemente a achega privada a este organismo. Estas son "desgraciadamente" as únicas colaboracións que se manteñen na actualidade, sinalou.
Estes 13.000 euros son apenas o 1% do total do presuposto do Pazo da Cultura, que en 2014 ascendeu a preto de 1,3 millóns de euros. Nel, inclúense todas as nóminas do persoal, o custo de limpeza e mantemento, os gastos correntes e o diñeiro que custa organizar todas as actividades que se desenvolven tanto no Pazo da Cultura como no Recinto Feiral e o Teatro Principal.
"Esperemos que veñan tempos mellores e poidamos conseguir máis colaboradores", afirmou Fernández Lores, que destacou que o presuposto do Pazo da Cultura apenas sufriu recortes nos últimos anos, máis alá da perda de patrocinadores como Caixanova, Caixagalicia ou a Deputación de Pontevedra.
Como representante de Froiz, José Manuel Álvarez afirmou que para a súa empresa é un "orgullo" poder continuar apoiando as actividades do Pazo da Cultura "nunha época na que todo o mundo trata de recortar os gastos". Pola súa banda, dende a empresa Viaqua tamén subliñaron que intentamos colaborar alí onde estamos" e avanzaron que "tentaremos manter" esta colaboración nos próximos anos.