A web municipal da Lama elimina as informacións críticas co PSOE
Por Redacción
Os socialistas da Lama deron a coñecer que o alcalde eliminou da páxina web do Concello máis da metade das notas xornalísticas que estaban colgadas dende que foi creada, a maioría con claras connotacións políticas que criticaban a xestión do voceiro do PSdeG-PSOE, Enrique Vaqueiro.
Segundo o grupo municipal do PSOE, o alcalde criticaba a través da páxina web as actividades de Vaqueiro en asuntos como os recursos presentados ante a Xerencia do Catastro ou as súas críticas á Subdelegación do Goberno polos roubos en Xesta, Seixido e Antas.
"Agradezo ao Valedor do Pobo de Galicia polo expediente que abriu para garantir unha imparcialidade nunha ferramenta tan importante como é a páxina web municipal, e espero que episodios como estes non se volvan repetir. Levamos tres anos para intentar democratizar este concello, darlle formalidade e modernidade, e estámolo a conseguir", dixo Vaqueiro.
"Dende que son concelleiro no Concello esta é a undécima rectificación do alcalde sobre asuntos públicos. Espero que se pense con máis prudencia as cousas antes de facelas, rematou Vaqueiro.