O proceso electoral en Belas Artes pecha sen candidaturas
Por Redacción
Como xa acontecera no proceso electoral aberto en Belas Artes o pasado mes de febreiro, finalmente o profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado tampouco votará o 16 de decembro ao seu novo decano, posto que o prazo para a presentación de candidaturas para este cargo vén de rematar sen que ninguén se postulase para situarse á fronte da dirección do centro.
Á espera da decisión que se adopte desde a Reitoría tralo peche oficial do procedemento electoral a vindeira semana, Juan Carlos Meana continua á fronte da facultade como decano en funcións.
De xeito paralelo, Belas Artes abriu tamén en novembro o proceso de elección dos representantes do alumnado, PAS e profesorado con vinculación non permanente na Xunta de Facultade, un proceso no que tampouco será preciso votar, posto que en ningún dos casos o número de aspirantes superaba ao total de prazas reservadas neste órgano colexiado para estes colectivos.
Preto de 650 alumnos cursan estudos no presente ano académico 2014/2015 nesta facultade do campus pontevedrés, onde ademais do grao en Belas Artes, impártense os mestrados en Arte Contemporánea Creación e Investigación e en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual. Así mesmo, o centro acolle tamén os Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga), unha titulación propia da Universidade.