Condenan a un ano de cárcere a unha pontevedresa que bateu cunha muleta a un policía local
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra ten condenado a unha pena dun ano de cárcere a unha pontevedresa que golpeou cunha muleta a un axente da Policía Local. Foi encontrada culpable dun delito de atentado a axente da autoridade.
Os feitos xulgados tiveron lugar o 25 de maio de 2012, cando ás 17.30 horas unha patrulla da Policía Local se dispoñía a denunciar un estacionamento indebido dun vehículo na rúa Víctor Cervera Mercadillo.
A propietaria do turismo dirixiuse aos policías, segundo recolle a sentenza, "proferindo frases despectivas cara a eles". Ao mesmo tempo, a muller que a acompañaba achegouse a un dos axentes e comezou a golpealo cunha muleta e a rabuñalo no brazo, causándolle varias feridas erosivas en ambos os dous antebrazos.
Á vista desta agresión, os axentes tiveron que reducila, sufrindo un deles unha erosión no cóbado ao golpearse contra unha parede cando trataba de suxeitala e ante a forte oposición desta.
Durante o xuízo, a agresora recoñeceu os feitos e chegou a un acordo de conformidade. Ademais do delito de atentado a axente da autoridade, o xulgado condénaa a dúas faltas de lesións polas que debe estar localizada permanentemente durante 16 días.
Pola súa banda, a condutora foi encontrada autora dunha falta contra a orde pública á pena de multa de tres euros ao día durante dez días.