O persoal de Cleanet na Brilat e na Escola Naval secunda un paro dunha hora
Por Redacción
O persoal de Cleanet en Pontevedra secundou na súa práctica totalidade -coa única excepción dunha traballadora- o paro dunha hora convocado no servizo de limpeza das instalacións militares da comarca de Pontevedra para reclamar que se lles abonen os salarios pendentes.
As afectadas aproveitaron para realizar unha concentración de protesta ás portas da Brilat en Figueirido e da Escola Naval en Marín.
Dende a federación de Servizos da CIG de Pontevedra explicaron que foron as propias traballadoras as que decidiron recentemente en asemblea a convocatoria dos paros dunha hora de duración para amosar o seu rexeitamento ao plan de pagos pactado entre a empresa concesionaria e o Ministerio de Defensa porque atrasa aínda máis o cobro dos soldos pendentes.
As afectadas aproveitaron a folga para levar a cabo ás once da mañá unha concentración de protesta ás portas da Brilat en Figueirido, mobilización á que se sumaron as traballadoras da residencia e das instalacións deportivas militares de Campolongo. A continuación, a protesta trasladouse ás portas da Escola Naval de Marín.
As traballadoras están convocadas a unha nova asemblea que se celebrará a vindeira semana para decidir e organizar as vindeiras mobilizacións, coa vista posta na próxima celebración da festividade da Inmaculada, patroa da Brilat.