A Audiencia de Pontevedra anula de novo por abusiva a cláusula solo utilizada en préstamos hipotecarios
Por Redacción
A Sección Primeira da Audiencia Provincial de Pontevedra, especializada en materia mercantil, estimou o recurso presentado por un consumidor e declarou "abusiva", e polo tanto nula, a cláusula solo incluída na escritura de préstamo con garantía hipotecaria subscrita co Banco Pastor. A sentenza considera que a mencionada cláusula, "que foi redactada de antemán e imposta ao cliente sen posibilidade real de negociación", é abusiva dado que, en contra das esixencias da boa fe, causa en prexuízo do consumidor un desequilibrio importante entre os dereitos e obrigas que derivan do contrato de préstamo.
O tribunal analiza se a cláusula cumpre o coñecido como control de transparencia, é dicir, se foi redactada de xeito claro e comprensible, e conclúe que a escritura pública de préstamo, "é manifestamente insuficiente para os efectos de asegurar que o cliente tivera unha idea cabal das consecuencias económicas que derivaban da existencia da cláusula".
O fallo sostén que no maremágnum de datos, normas e cifras que se enumeran na escritura, a cláusula solo non só pasa desapercibida, senón que queda escurecida polo resto de estipulacións, impedindo que poida ser percibida polo consumidor como relevante e merecedora da atención necesaria ao tratarse dun elemento que afecta ao obxecto principal do contrato.
Unha vez afirmado que a cláusula non respecta o control de transparencia, a sala estuda se pode cualificarse como abusiva, para o cal examina se existe un equilibrio entre os denominados "solo" e "teito", concluíndo en sentido negativo.
Esta apreciación implica que a cláusula declarada nula se terá por non posta, co efecto de que, dende a data da sentenza, queda sen efecto o límite mínimo á variación do tipo de xuro. Así mesmo, a sentenza ordena a inscrición do fallo xudicial no Rexistro de Condicións Xerais da Contratación, co fin de evitar que volvan utilizarse cláusulas similares a partir deste momento. O impacto proxéctase así cara ao futuro, se ben, en opinión da sala, a sentenza abre a porta á impugnación de todos aqueles contratos actuais nas que se conteñan estipulacións similares á declarada nula.
Relacionadas:
-
A Audiencia dita a primeira sentenza na que se aplica o fallo das cláusulas solo
Por Oskar Viéitez |
-
A Audiencia de Pontevedra declara nulas por primeira vez dúas cláusulas hipotecarias que considera abusivas
Por Redacción |
-
Unha sentenza anula a cláusula solo porque o banco non informou o particular
Por Oskar Viéitez |
-
A Audiencia de Pontevedra anula, por abusivas, catro cláusulas habituais das hipotecas
Por Natalia Puga |
-
Un pontevedrés consegue que lle devolvan 11.509 euros pola cláusula solo
Por Oskar Viéitez |
-
NCG Banco e BBVA condenadas, de novo, a devolver o diñeiro cobrado pola cláusula solo
Por Oskar Viéitez |
-
Condenan a NCG Banco a devolver a un pontevedrés o diñeiro cobrado pola cláusula solo
Por Oskar Viéitez |