Uns 13.000 pontevedreses veranse afectados polo corte de auga deste luns
Por Alejandro Espiño
Xa está todo preparado por parte do Concello de Pontevedra para afrontar o corte no abastecemento de auga que se producirá esta madrugada. Haberá que cortar a subministración entre as 23.00 horas e as 08.00 horas do martes para que Acuaes poña en marcha a ampliación da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) situada na parroquia de Lérez e o novo depósito. Ambos os dous deben conectarse á rede xeral.
Segundo avanzou o voceiro municipal, Raimundo González, veranse afectados por este corte uns 6.500 subscritores, que se corresponden con preto de 13.000 pontevedreses. Son os que viven na zona leste da cidade, xa que quedarán sen auga os barrios de Monte Porreiro e A Parda, todo o ámbito entre Loureiro Crespo e a estación, a avenida da Estación, a avenida de Vigo dende Fernández Ladreda, e tamén toda a zona de San Brais, en Salcedo.
O resto da cidade terá garantida a subministración grazas ao depósito do Castelo.
Dende o Concello de Pontevedra fan un chamamento á poboación que non se verá afectada por este corte para que fagan un "uso acaído" da auga, porque Raimundo González alerta de que se "empezan a tirar da auga de xeito desmesurado" se esgotaría este depósito antes das oito da mañá, hora na que comezará a restablecerse a subministración xeral.
A continuación, a empresa concesionaria terá que continuar o servizo dando presión e ir purgando as canalizacións progresivamente, polo que o servizo podería estar totalmente restablecido ao mediodía.
Tamén se cortará a auga aos concellos de Marín, Bueu, Sanxenxo e Poio, aínda que nestes municipios agardan abastecer a demanda dos seus cidadáns mediante mananciais e depósitos propios.
Relacionadas:
-
Outro corte de auga para revisar a nova subministración a Pontevedra e os concellos da ría
Por Redacción |
-
Reestablecen completamente o abastecemento de auga tras un corte nocturno sen incidencias
Por Redacción |
-
Nova data para o corte de auga: a subministración interromperase a noite do luns ao martes
Por Redacción |