As temperaturas baixan lixeiramente e as chuvias ofrecen unha tregua ata o xoves 27
Por Redacción
As Rías Baixas encóntranse nunha zona de influencia das baixas presións centrada no sur da Península e mantense no corredor de ventos do norte. Os ceos ofrecerán intervalos anubrados en xeral. As temperaturas mínimas durante esta xornada de luns non sufrirán cambios mentres que as máximas ascenderán lixeiramente. O vento soprará de compoñente norte, moderado no litoral atlántico.
Durante o martes os ventos seguirán soprando moi frouxos do norte manténdose un tempo estable con entrada de aire frío. Os ceos presentarán intervalos anubrados durante a mañá cunha alternancia de nubes e claros ao longo da tarde. As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso tanto nas máximas coma nas mínimas.
Será a partir do mércores cando comece a entrar aire algo máis seco do leste con predomino de ceos pouco anubrados e nubes de tipo alto. Seguirán descendendo as temperaturas, segundo a información facilitada por MeteoGalicia, baixando as mínimas de forma lixeira e moderada, situandose entre os 7 e os 15 graos, con xeadas leves nos vales do interior e nas zonas altas. Os ventos soprarán frouxos.
O xoves comezarán as borrascas ocasionais que continuarán durante o venres e o sábado en toda a zona atlántica. O domingo está previsto que inflúa o anticiclón e retorne o tempo seco. As temperaturas serán suaves, mesmo altas para esta época do ano.