ÿxito de participación no IV Encontro de Conservación e Restauración
Por Redacción
240 persoas participan dende este mércores 19 no IV Encontro de Conservación e Restauración, impulsado pola Deputación de Pontevedra e a Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.
Trátase dun foro único no noroeste peninsular no que as persoas que teñen nas súas mans a conservación do legado histórico-artístico poden intercambiar coñecementos, poñer experiencias en común e afondar nas últimas novidades da súa profesión.
O acto inaugural contou coa intervención da deputada Ana Isabel Vázquez que valorou a acollida deste enucentro que completou todas as prazas ofertadas e que mesmo numerosos interesados tiveron que quedar fóra ao cubrirse todo o aforamento. A Deputación e a Escola de Restauración xa teñen previsto realizar unha quinta edición despois deste novo éxito.
Nesta edición empréganse as reproducións artísticas como fío condutor, e baixo o lema 'Moldes, réplicas e patrimonio' abórdanse as funcións, a historia e as técnicas da reprodución de obras de arte.
Expertos do nivel de Alberto Campano, do Museo Nacional de Reproducións Artísticas, Victor Hugo Borges del Victoria & Albert Museum, abordaron o papel das copias na difusión e conservación do patrimonio. Mentres que pola tarde, Carmen Gómez, Natalia Cortón e María Varela, Conservadoras de Rock Art Conservation tratarán a función das reproducións no ámbito da restauración.
Este encontro continuará ata o 21 de novembro no Sexto Edificio do Museo.