Que é iso do 'mentoring' que impulsa a UNED?
Por Oskar Viéitez
A UNED de Pontevedra asegura ser a impulsora do 'mentoring' en Galicia. Pero, que é iso do 'mentoring'? Co rico e variado que é o noso idioma, o centro académico necesita acudir a un anglicismo para describir o seu labor de acompañamento ao estudante dende o minuto un nunha universidade a distancia.
Nesta experiencia na que participarán trinta e nove estudantes, un mentor ou titor, ensina, aconsella, guía e axuda ao estudante no seu desenvolvemento persoal e profesional, invertendo tempo, enerxía e, sobre todo, achegando coñecementos.
Trinta e dous estudantes de primeiro ano e sete estudantes veteranos participarán no programa pioneiro promovido dende o Centro de Orientación, Información e Emprego (COIE) co obxectivo de facilitar a integración dos estudantes de primeiro ano no sistema universitario, e en concreto, no sistema propio da Universidade Nacional de Educación a distancia.
En palabras de María Luisa Rodicio, coordinadora do COIE de Pontevedra, a finalidade xeral do programa é "reactivar a orientación e titoría no Centro Asociado á UNED en Pontevedra, ademais de proporcionar apoio e acompañamento ao estudante durante o seu primeiro ano académico, de modo que o alumno logre un maior aproveitamento dos recursos que a universidade pon ao seu alcance". Ademais, preténdese tamén diminuír a taxa de abandono dos estudos, así como orientar e asesorar o alumno na toma de decisións académicas.
Na implantación deste programa pioneiro de 'mentoring' xogan un papel principal os alumnos doutros cursos, que guiarán e asesosarán a novos estudantes a partir da súa propia experiencia. Os programas de mentoring gañaron nos últimos tempos especial relevancia e popularidade dentro do ámbito empresarial e universitario.
Dende o COIE valoran positivamente a acollida do programa por parte do estudiantado, xa que como indica o seu responsable "este é un programa piloto, no que só puideron participar estudantes de Psicoloxía, Pedagoxía e Educación Social, aínda que tivemos solicitudes dende outras carreiras".
Este mércores, ás 16:00 horas, celebrarase a primeira sesión deste programa, que se desenvolverá ao longo de todo o curso académico.