As reunións do PP recalan nestes días en Santa María de Xeve e Verducido
Por Redacción
Os concelleiros do Partido Popular continúan mantendo reunións coas distintas asociacións e colectivos do Concello para poder coñecer así as necesidades máis urxentes dos veciños das distintas parroquias de Pontevedra.
Segundo informa o PP, no caso de Verducido, a asociación de veciños Outeiro do Castro e o presidente da Comunidade de Montes trasladaron as súas inquietudes pola falta dun transporte público regular que lles permita acceder á cidade. Quéixanse de que o horario ademais de ser descontinuo, non lles evita ter que coller os seus vehículos privados para desprazarse ata Pontevedra e que alí atópanse coa problemática para aparcar. Ademais, piden que se lles faciliten marquesiñas nas paradas establecidas aínda que os propios veciños teñan que ceder terreos para instalalas.
En canto ao pavillón deportivo piden que se peche o perímetro para evitar así a entrada de auga nos días de choiva xa que consideran que deste xeito os veciños poderían darlle máis uso que ata agora.
O arranxo dos camiños de Rosende e Abilleira foi outra das necesidades que expuxeron os membros de Outeiro do Castro, ademais da falta de colectores onde depositar o lixo.
Por outro lado, segundo informan os populares, os veciños de Santa María de Xeve tamén trasladaron as principais necesidades desta zona, e de novo a carencia dun transporte público eficiente volveu a ser a demanda principal que fixeron dende a asociación Os Tres Pinos e a comunidade de montes desta parroquia. Tamén coinciden cos seus veciños de Verducido na demanda dun servizo básico: o saneamento, ausente aínda en varias zonas de Santa María de Xeve.
Ante a falta dun campo de fútbol en bo estado, o Clube de Veteranos "Rápidos de Xeve" indicou a necesidade que ten esta parroquia de contar cunha instalación deportiva. Dende este colectivo aseguran que non é necesario que en cada parroquia haxa unha instalación pero si que se faga unha "decente" que permita albergar o deporte de varias parroquias unidas. Colectores de lixo para reciclar e a ampliación dalgunhas das súas estradas foron as outras necesidades marcadas tamén por estes veciños.