Un soldado acepta 15 meses de cadea por publicar o teléfono da súa ex moza nunha web erótica
Por Natalia Puga
O ex soldado da Brilat Salvador P.O. aceptou unha condena a un ano e tres meses de prisión por un delito contra a integridade moral da súa ex moza ao publicar o seu teléfono nunha web de contactos de contido erótico e pornográfico.
Os feitos aconteceron en abril do ano 2013, cando tanto o rapaz coma a súa ex moza estaban destinados na base de Figueirido de la Brilat. O mozo, que posteriormente foi trasladado a outra unidade militar, sentouse este venres no banco dos acusados do Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra e conformouse coa acusación que lle facía a fiscal. O xuízo celebrouse sen permitir a presenza de medios gráficos para poder preservar a intimidade da vítima.
A fiscal pedía inicialmente unha condena a un ano e medio de prisión, pero reduciuna a 15 meses e introduciu a posibilidade de que o acusado cumpra, en realidade, este mesmo período de traballos en beneficio da comunidade. A pena conmutaráselle sempre e cando cumpra coas outras dúas medidas que se lle impoñen, indemnizar a vítima e cumprir unha orde de afastamento.
Ante a nova petición de condena, o rapaz aceptou a acusación do fiscal e declarouse autor dos feitos, de modo que o xuíz, Miguel Aramburu, xa ditou sentenza condenatoria contra el. A orde de afastamento que se lle impón supón a prohibición de comunicarse coa vítima e aproximarse a menos de 200 metros durante dous anos e medio e a indemnización supón o pagamento de 2.500 euros no prazo de 30 días.
O acusado e a súa presunta vítima mantiveran unha relación de sete anos e, pouco despois de romper, o rapaz abriu un perfil na web de contactos 'Vecinitas Infragantis' usando o nome 'Salva Scout' e publicou o teléfono da rapaza. Fíxoo, segundo o fiscal "actuando co ánimo de degradar e humillar a súa exnoiva".
"Yo os doy el teléfono de una zorra de cuidado...ya os pondré una foto de esta zorra", publicou e engadiu o teléfono da vítima. Como consecuencia desa publicación, a rapaza recibiu ata 30 chamadas telefónicas e mensaxes a través do sistema Line e Whatsapp de persoas que, despois de "acceder á páxina, intentaban contactar con ela, preguntándolle se era ela e comentándolle que nun chat falaban da súa dispoñibilidade sexual,". Outras 19 persoas realizáronlle chamadas perdidas en tan só tres horas, ata que denunciou os feitos na Comisaría.
Relacionadas:
-
Xulgan un soldado da Brilat por colgar o teléfono da súa ex moza na web "Vecinitas Infraganti"
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada