Menús a 18 euros en Sanxenxo con "Sabor a inverno"
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo quere incentivar a actividade hostaleira no período do Nadal, por ese motivo a alcaldesa Catalina González e a concelleira delegada desta área, Almudena Aguín, informaron este xoves 13 a unha vintena de establecementos sobre esta iniciativa que se vai desenvolver no municipio turístico do 15 de decembro ao 15 de xaneiro.
Os visitantes poderán degustar durante este mes, dentro da campaña de promoción da gastronomía local 'Sanxenxo, sabor de inverno', de produtos propios da zona e da época invernal a través dun menú aberto, que terá un prezo pechado de 18 euros.
A alcaldesa indicou durante o encontro que Sanxenxo ten unha infraestrutura hostaleira orientada aos meses de verán e entende que os profesionais do sector deben intentar posicionar o municipio como destino turístico de visita obrigada máis alá da tempada estival.
Turismo de Sanxenxo encargarase de publicitar en medios de comunicación, redes sociais e outros soportes directos a proposta coa utilización dun código QR, de forma que os interesados poderán descargar nos seus móbiles a información e o mapa de localización dos establecementos, segundo indicou Almudena Aguín.
Na reunión tamén se tratou a posibilidade de que varios hoteis do municipio poidan implicarse no proxecto ofrecendo aloxamento a un prezo reducido para grupos que queiran desprazarse ao municipio para celebrar ceas de empresa ou de amigos utilizando o menú ofertado.
Os restaurantes que queiran formar parte desta campaña terán que inscribirse ata o próximo venres 21 de novembro no concello de Sanxenxo.