Absolven de intento de asasinato o acusado de estrangular a súa noiva tras unha discusión
Por Natalia Puga
O veciño de Vigo Antonio C.T., xulgado en setembro pola Audiencia Provincial de Pontevedra por un delito de asasinato en grao de tentativa por intentar matar a súa noiva estrangulándoa tras unha discusión foi absolto desa acusación. Unha sentenza da Sección Cuarta dada a coñecer este mércores condénao por un delito de lesións graves.
O acusado tamén foi absolto do delito de homicidio en grao de tentativa por desistimento activo do que se lle acusou durante o xuízo. Á hora de condenalo por lesións graves, o tribunal aplícalle as circunstancias atenuantes de confesión e reparación do dano, así como a analóxica de alteración psíquica e imponlle unha pena de dous anos de prisión.
A condena de Antonio C.T. inclúe a prohibición de aproximarse a menos de 100 metros da vítima, do seu domicilio, lugar de traballo ou calquera outro no que se encontre, e a prohibición de comunicarse con ela por calquera medio. En ambos os dous casos, a pena prolongarase durante seis anos e, ademais, en concepto de responsabilidade civil, deberá indemnizar á que era a súa noiva na cantidade de 11.95920 euros por días de curación e incapacidade e en 20.000 euros polas secuelas que lle quedaron do incidente rexistrado no ano 2012 no seu domicilio de Vigo.
O tribunal considera probado que Antonio C.T. e a súa noiva, que levaban tres anos e medio de relación e convivencia coa súa noiva, iniciaron unha acalorada discusión o 3 de novembro de 2012, cando ambos os dous regresaban ao seu domicilio tras estar a celebrar o aniversario da rapaza nun balneario e a ela recibiu un email dun compañeiro de traballo.
Xa no domicilio que compartían, a discusión continuou, prolongándose ao longo de varias horas, tempo durante o cal o enfrontamento foi subindo de ton. Minutos antes das 17.00 horaS, cando ela intentou abandonar a vivenda e el intentou evitalo, produciuse un forcexo no que caeron os dous ao chan. Nese momento, Antonio, que se achaba colocado sobre a vítima, se descontrolou momentaneamente e intentou acabar coa vida da súa noiva, para o cal a agarrou polo colo e apertou con forza ata que aquela deixou de moverse.
O tribunal recorda que el tiña unha psicopatoloxía psiquiátrica e sinala que, cando ela deixou de moverse reaccionou e, tras comprobar que tiña pulso, efectuou unha chamada de emerxencia ao 061 solicitando axuda médica. Minutos despois, chegou ao domicilio persoal sanitario que prestou os primeiros auxilios á vítima, procedendo ao seu traslado urxente a un centro hospitalario. A consecuencia dos feitos, a rapaza estivo en coma, tardou en curarse 180 días e quedoulle como secuela síndrome de estrés postraumático de grao medio.
Dende o primeiro momento, o acusado referiu aos sanitarios o sucedido, recoñecendo ter sido el quen apertou o colo da vítima, admitindo tamén a súa autoría ante os axentes da Policía Nacional que acudiron ao domicilio, aos que relatou o acontecido. No momento dos feitos estaba diagnosticado por unha psicopatoloxía con ansiedade e trazos obsesivos de personalidade.