Como atraer ao turismo de incentivos 'yanqui'
Por Redacción
As viaxes de incentivo constitúen unha estratexia empresarial utilizada para motivar o persoal, estimulando así o seu rendemento laboral. Que potencial ten en Rías Baixas o chamado turismo de incentivos?
As viaxes de empresa, organización de feiras e congresos ou xornadas de confraternidade para o persoal dunha compañía están a ser investigados dende o punto de vista académico dentro do proxecto Turincentiving, que vén de poñer en marcha a Universidade coa participación de oito grupos de investigación e que tratará de detectar os recursos dos que dispón Galicia para captar un turismo moi específico, minoritario, pero de alto poder adquisitivo.
Segundo explicou a profesora de Ciencias Sociais e da Comunicación Ana Belén Fernández Souto, o obxectivo final é definir unha estratexia de promoción turística orientada en primeiro termo ao público estadounidense co obxectivo de "abrir un novo nicho de mercado".
Este proxecto, que conta con financiamento da Xunta, centrará polo de agora os seus esforzos nos Estados Unidos, por ser este un país "no que se promove moito este tipo de turismo, no que realizan un grande investimento" e, en segundo lugar, por ser Galicia un territorio "practicamente descoñecido" para a cidadanía deste país.
"Os norteamericanos non veñen normalmente e cando o fan sorpréndense moito, xa que de España só coñecen a oferta turística de sol e praia", relata Fernández Souto.