Deteñen un mozo de Marín por intentar vender en internet un Iphone 5 roubado
Por Diego Espiño
A Policía Local de Pontevedra detivo o pasado 3 de novembro a un mozo de 23 anos, veciño de Marín, por intentar vender un teléfono móbil que fora denunciado como subtraído.
Os axentes accederon a un anuncio de venda en internet dun Iphone 5 Branco, valorado en máis de 400 euros, sospeitando que se trataba dun terminal roubado.
Por ese motivo e a través de mensaxes de texto fixaron un encontro co vendedor, que se produciu ese mesmo día sobre as 20:30 horas ante a Estación de Tren, na cidade de Lérez.
Unha vez alí un dos policías, de paisano, procedeu a negociar as condicións da venda mentres o seu compañeiro conseguiu o número de serie do terminal, comprobando que se presentara unha denuncia pola súa subtracción.
Nese momento os axentes identificáronse como tal e detiveron o mozo acusado dun presunto delito de roubo.