En galego véndese máis
Por Redacción
As administracións públicas teñen a obrigación de promover a lingua galega, "pero como nos pimientos de padrón, unhas fano e outras non". O Concello de Pontevedra é das primeiras. Dentro das políticas de dinamización "da nosa fala" atópase o programa 'Proba en galego' que impulsa o uso do galego no comercio e nas pequenas empresas locais.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinou este venres no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) unha trintena de convenios con outras tantas empresas locais.
Fernández Lores indicou que "os nenos saben falar, ler e escribir en galego, o contrario do que nos pasou a nós, pola contra hai un retroceso no seu uso, e iso é malo para o país e para a cultura universal". Por este motivo o rexedor entende que o galego ten que saír deste ámbito académico para inundar a vida cotiá.
Neste sentido animou aos empresarios a relacionarse cos seus clientes en galego "o galego tamén vende, creo que ata vende máis", afirmou. Deste xeito tamén se "animará" á clientela que non fala galego habitualmente a que probe a facelo. "Eu exercín a miña profesión de médico en galego, e moitos pacientes o miraban raro, pensaban que te rebaixabas porque ti eras estudado", comentou.
Estes negocios utilizarán esta lingua para as súas relacións con clientes, provedores ou a administración e levar a cabo unha serie de accións que fomenten o uso desta lingua.