Volve 'Proba en galego', unha campaña para que o galego "non se quede na porta" dos comercios
Por Alejandro Espiño
Promover o uso do galego no ámbito do comercio e a pequena empresa como marca de "identidade, calidade e proximidade". Con este obxectivo, o Concello de Pontevedra pon en marcha unha nova edición da campaña Proba en galego. Nesta ocasión estará centrada en animar a que empresarios e traballadores do comercio local empreguen o idioma galego en todas as súas relacións comerciais, especialmente con provedores e clientes.
Segundo explicou o concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez Junquera, moitos clientes que falan habitualmente en galego "o deixan na porta" cada vez que entran nun comercio, unha actitude que pretenden corrixir con esta campaña. O lema desta, ' Pero a quen lle vendes', con eslóganes en maorí, italiano ou sueco, reforzan esa idea. "Por que non probar a vender en galego", afirmou.
Neste novo formato da campaña, na que se investirán uns 45.000 euros, poderán participar un máximo de 40 comercios de Pontevedra. Todos eles deberán cumprir unha serie de requisitos recollidos na páxina web de equipo municipal de Normalización Lingüística, onde terán que inscribirse antes do 31 de outubro. Cada unha delas recibirá un máximo de 1.100 euros para reforzar a súa comunicación en galego.
Ata o 23 de xaneiro deberán superar unha primeira fase na que deberán certificar o uso do galego na atención á clientela, nos avisos e carteis temporais ou na publicidade, que fagan do seu negocio. Se o cumpren, poderán beneficiarse dunha asesoría básica en cuestións de imaxe e comunicación, valorada nuns 500 euros, que realizarán as axencias Era, Trisquelia e Ovo Publicidade.
Na segunda fase, que terá lugar entre o 1 de febreiro e o 3 de abril, se pedirá aos comercios que usen o galego nas súas relacións profesionais con empresas provedoras e deberán solicitar as súas xestorías e os organismos públicos que os documentos e a atención en todos os trámites administrativos que teñan que ver co seu comercio sexan en lingua galega. Se o cumpren recibirán 600 euros para aplicar o estudo realizado na fase anterior.
Nesta nova campaña de Proba en galego poderá participar calquera comercio ou pequena empresa de Pontevedra, sempre que teña atención ao público, que teñan previsto continuar a súa actividade comercial como mínimo ata maio de 2015, non ter débedas con ningunha administración pública ou, no caso de ter participado na edición do ano pasado, ter completado todas as fases do proxecto.