Desconvócase a folga no Diario de Pontevedra
Por Redacción
A folga iniciada este mércores 5 ás 9.00 horas no Diario de Pontevedra foi desconvocada a primeiras horas da tarde despois de que se iniciase unha mesa de negociación ás 11.00 horas entre os representantes sindicais e dirixentes da empresa.
A maioría do equipo sumouse á convocatoria de folga coa presenza dos traballadores ante as portas do Diario de Pontevedra. O paro estaba previsto para sete días con motivo do despedimento de sete traballadores e tres bolseiros a semana pasada.
Durante a negociación non se chegou a un acordo sobre a posibilidade de readmitir aos despedidos, segundo fontes sindicais, pero si sobre o mantemento do actual equipo formado por preto de 60 empregados. A empresa comprometeuse a que non haxa novos despedimentos ata o 30 de xuño de 2016.
Tamén finalizará a conxelación salarial de maneira que a partir do 30 de xuño de 2015 se recuperará o diñeiro do convenio que se deixara de aplicar e van actualizarse os salarios. O expediente de regulación de emprego no que se encontraba o persoal extínguese e a empresa tamén se comprometeu a non descontar esta xornada de folga da nómina.
Por outra parte, os representantes da dirección do Diario de Pontevedra presentaron unha oferta ao comité de empresa dunha indemnización para os despedidos de 32 días por ano traballado. Os afectados anunciaron que presentarán unha demanda para intentar obter a nulidade do despedimento.