Os traballadores de Diario de Pontevedra convocan unha semana de folga
Por Redacción
A asemblea de traballadores de Lérez Ediciones, empresa editora do Diario de Pontevedra, aprobou este martes por amplísima maioría a convocatoria dunha folga, cuxa comunicación foi presentada xa ante a Consellería de Traballo. O paro será dunha semana (sete días ininterrompidos), comezará o vindeiro 5 de novembro e é consecuencia dos recentes despedimentos levados a cabo.
Segundo informou o comité de empresa, durante os tres últimos anos o plantel de Diario de Pontevedra ven soportando unha contínua rebaixa salarial. E, dende abril de 2014, un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) de redución de xornada do 15%, que foi aceptado co obxectivo de apoiar á empresa na actual situación económica.
O paro será dunha semana (sete días ininterrompidos) e comezará o vindeiro 5 de novembro
Este martes 28 de outubro, a dirección do Grupo El Progreso levou a cabo recortes no plantel. En total foron sete as persoas despedidas de forma unilateral por parte da empresa, que xustifica as extincións de contrato en causas económicas. Os afectados foron seis traballadores de redacción e unha de administración, o que "pon en serio perigo a calidade do produto", segundo valora o comité.
Ademais dos contratos extinguidos, a empresa tomou a decisión de comunicar a non continuidade de tres becarios, todos eles de redacción.
O vindeiro luns 3 de novembro os membros do Comité de Empresa xunto os asesores sindicais da CIG e UGT convocan ós medios de comunicación a unha rolda de prensa na que se dará conta da convocatoria de folga.