ENCE paraliza investimentos por 45 millóns en Lourizán ata saber se lle renovan a concesión
Por Redacción
O Grupo Ence - Enerxía e Celulosa reitera que as dúbidas sobre a prórroga que necesitan para a súa permanencia en Lourizán afecta aos seus plans de mellora das instalacións. En concreto, asegura que ten paralizados investimentos por importe de 45 millóns euros en Pontevedra "á espera de que se despexe a actual incerteza sobre a renovación da concesión da fábrica".
O dato deuno a coñecer este luns a empresa a través dun comunicado no que explica que eses investimentos agora en suspenso son "imprescindibles para poder reducir os seus custos de produción e evitar o seu peche", dadas as duras condicións do sector da celulosa tras os fortes incrementos de capacidade de produción altamente competitiva en Latinoamérica.
Eses investimentos son "imprescindibles para poder reducir os seus custos de produción e evitar o seu peche"
Ence deu a coñecer os seus resultados económicos do terceiro trimestre de 2014 e revelou que en todas as súas fábricas tivo unhas perdas netas neste período de 139,7 millóns euros, balance que choca coas súas contas de hai xusto un ano, cando tivera un beneficio antes de impostos de 50 millóns euros. Malia todo, asegura que mantén unha "sólida situación financeira", con 199 millóns de euros de liquidez e sen vencementos de débeda significativos ata 2020, o que asegura o mantemento da súa capacidade de investimento.
A empresa atribúe ese cambio de comportamento económico da empresa a varios factores, entre os que cita o impacto dos cambios regulatorios eléctricos, a caída do prezo da celulosa e a suba dos prezos da madeira. Os resultados inclúen impactos de 163 millóns euros polo abandono dos cultivos enerxéticos e o cesamento das actividades de produción de celulosa e coxeración en Huelva a raíz da reforma eléctrica.
Como consecuencia destes cambios regulatorios, as vendas de electricidade reducíronse un 29% no período mentres que as vendas de celulosa baixaron un 16% debido a unha diminución do 10% no prezo medio de venda. Así mesmo, produciuse un descenso da produción e volumes vendidos do 7% e 6%, respectivamente.
Para afrontar estas avultadas perdas, Ence está a despregar un ambicioso plan de recuperación baseado na mellora de eficiencia mediante investimentos nas fábricas de celulosa de Navia e Pontevedra, así como nunha intensa redución de gastos. Nos seis primeiros meses do ano investiu 12 millóns de euros en Navia para a mellora enerxética e agora contratou xa investimentos por outros 45 millóns para executar en 2015. Non obstante, na de Pontevedra teno todo paralizado á espera de noticias sobre a súa permanencia na Ría.
Relacionadas:
-
Unha biorrefinería en Lourizán?
Por Oskar Viéitez |
-
Rueda entende a inquietude de ENCE por despexar a incerteza sobre o seu futuro
Por Oskar Viéitez |
-
Vía libre para que a Xunta emita o informe sobre a continuidade de ENCE en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Os traballadores de ENCE, preocupados polo seu futuro tralo peche da fábrica de celulosa en Huelva
Por Redacción |
-
Fernández Alvariño fai unha "defensa acérrima de ENCE" ante a "incerteza" sobre o seu futuro
Por Oskar Viéitez |