Imputan un condutor que sextuplicaba a taxa de alcoholemia e chocou contra un taxi
Por Redacción
Un condutor de 32 anos será sometido a un xuízo rápido este martes por conducir cunha taxa de alcoholemia seis veces superior á permitida e provocar un accidente. Estando baixo a influencia do alcohol, perdeu o control sobre o seu turismo, colisionar cun taxi estacionado na parada da avenida Domingo Fontán en Poio e, a consecuencia do impacto, cun terceiro vehículo.
Os feitos producíronse sobre as 20.30 horas deste sábado na vía que comunica o Nó de Bombeiros de Pontevedra e a rotonda da Barca en Poio.Tras recibir unha alerta do 112 de que se producira un accidente, axentes da Policía Local de Poio acudiron ao lugar, levantaron atestado e realizaron as probas oportunas.
Unha desas probas foi a que causou sorpresa aos axentes, pois o condutor, de orixe ganés, deu unha taxa de 1,52 miligramos de alcohol por litro de aire expirado, isto é, seis veces superior á permitida para conducir vehículos a motor.
Os axentes repetiron a proba como establece a normativa e no segundo test o mozo deu un resultado lixeiramente inferior, pero igualmente constitutivo dun delito, 1,42. Os axentes procederon á súa imputación e a tramitación dun atestado por un delito contra a seguridade do tráfico por condución baixo os efectos das bebidas alcohólicas.