A Policía Local de Sanxenxo será pioneira en ensinar os nenos a evacuar o autobús escolar
Por Redacción
A Policía Local de Sanxenxo poñerá en marcha este curso unha iniciativa "pioneira" enmarcada no Programa Escolar de Educación Viaria. Así o confirmou o concelleiro delegado desta área, Salvador Durán, quen explicou que a partir do próximo mes, os responsables do plan municipal levarán a cabo simulacros de evacuación dos autobuses escolares. Queremos que os nenos e nenas de todas as idades teñan claro como actuar en caso de que se produza algún incidente cando viaxan en transporte público, sinalou o edil, quen explicou que esta novidosa proposta se ofertou por primeira vez aos centros educativos "obtendo un respaldo total".
De feito, son 1.729 os estudantes de Educación Infantil, Primaria e ESO matriculados nesta acción que se desenvolverá a partir da segunda semana do mes de novembro.
Tal e como explicaron os responsables desta actividade, que complementará as sesións que impartirán dende xaneiro e que están destinadas a que os nenos se comporten de forma responsable en relación ao uso das vías públicas e ao tráfico, ensinaranlle aos participantes cuestións como a forma axeitada de viaxar no autobús, sentado e co cinto posto, así como a quitar este elemento de seguridade.
Tamén expoñerán a forma en que deberán descender do vehículo no momento en que o condutor, os monitores ou os profesores que os acompañen lles indiquen que existe unha emerxencia. ÿ moi importante que os nenos e nenas descendan rapidamente pero dun xeito ordenado e que despois permanezan en grupo nun lugar seguro, apuntaron.
Outra das cuestións nas que se centrarán os simulacros será en mostrar, tanto os menores coma os adultos, o lugar no que se encontran os extintores e a situación das saídas de emerxencia do autobús.
"Desenvolveremos estas sesións, que contan coa colaboración da empresa Monbús, dun xeito exclusivamente práctico e adecuarémolas ás idades dos destinatarios", engadiron os axentes.
ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS
Ademais do simulacro de evacuación do autobús, a presente edición do Programa Escolar de Educación Vial incluirá novidades como a convocatoria do concurso de debuxos 'Sinal-Arte', que busca fomentar a comprensión sobre a necesidade dunhas normas de circulación e o seu cumprimento, así como achegar o alumnado á linguaxe visual.
Relacionadas:
-
Esperan durante horas o condutor do autobús que debía levalos a Barcelona e este aparece borracho
Por Redacción |
-
Un autobús escolar choca cun turismo en San Adrián de Cobres
Por Redacción |
-
Evacúan a unha excursión infantil tras incendiarse o autobús no que viaxaban
Por Aitana Vidal & Oskar Viéitez |
-
Dous menores feridos tras ser atropelados nun paso de peóns en Vilagarcía
Por Redacción |