Evacúan a unha excursión infantil tras incendiarse o autobús no que viaxaban
Por Aitana Vidal & Oskar Viéitez
Un autobús da empresa Pereira quedou parcialmente calcinado polo incendio rexistrado en plena viaxe cando traía os alumnos do colexio Filipenses Sagrada Familia de Vilagarcía. Eran uns 30 nenos de tres e catro anos.
O suceso tivo lugar á altura de Rubiáns cando o autobús regresaba dunha excursión ao zoo da Madroa (Vigo). Ao entrar na estrada de circunvalación sur de Vilagarcía o condutor do vehículo e os mestres do colexio que acompañaban aos rapaces detectaron un forte cheiro a gasolina e a presenza de fume na parte traseira do autobús, onde se encontra o motor.
Pararon o autobús de inmediato e evacuaron a todos os pasaxeiros, que se encontran en perfecto estado.
A noticia do sinistro chegou aos pais vía whatsapp, xa que algúns condutores que presenciaron o suceso compartiron as fotografías do autobús en chamas. As alarmantes imaxes e a falta de máis información provocou algúns ataques de nervios entre os pais.
Mentres na estrada os profesores dos Filipenses, auxiliados por algúns veciños, se ocupaban dos nenos tratando de tranquilizalos despois da precipitada fuxida do autobús en chamas. Pouco máis tarde foron trasladados de regreso xunto ás súas preocupadas familias, que agardaron por eles nas instalacións do colexio.