Avanzan a bo ritmo os traballos de limpeza do río Lameira
Por Redacción
Os traballos de limpeza do río Lameira (Marín) avanzan a un gran ritmo. O bo tempo desta semana permitiu acelerar as tarefas de arrombado e roce previstas na zona.
O lavadoiro de Coirados foi o ámbito onde comezaron estes traballos de limpeza. Foi unha zona que se tardou en terminar debido ás choivas. Posteriormente, coas inundacións da pasada semana tamén se produciron algúns contratempos que xa están encauzados, segundo informa o goberno municipal.
Aproveitando que se está limpando o río, moitos particulares están rozando tamén as súas leiras privadas. Este feito, segundo o Concello, provocou certos problemas xa que moitos deles deixaron a maleza sen recoller e coas últimas choivas os restos quedaron repartidos pola canle do río.
Nestes momentos, os traballos están xa á altura do lavadero de Souto, na parte máis estreita, onde a presión das vivendas é maior e complícanse estas tarefas. En todo caso, os operarios esperan aproveitar as boas previsións meteorolóxicas desta semana para poder concluír a limpeza canto antes.