Dous falsos revisores do gas estafan dúas veces nun mesmo día a unha octoxenaria pontevedresa
Por Oskar Viéitez
Unha veciña de Pontevedra de 84 anos foi vítima de dúas estafas nun mesmo día.
Segundo fontes da Comisaría da Policía Nacional esta muller recibiu a primeira hora da mañá a visita de dous supostos técnicos dunha empresa de gas que viñan a facer a revisión da caldeira. A muller autorizou a devandita revisión pola que pagou en efectivo 378 euros, pola que os individuos lle achegaron factura.
Ese mesmo día ás 16.00 horas un dos presuntos técnicos acompañado doutro distinto, volveron comparecer no mesmo domicilio da denunciante informándolle de que tiñan que acabar de limpar a caldeira e cobráronlle outros 378 euros, en total, a muller, de 84 anos, aboou un total de 756 euros por unha revisión que non tivo lugar.
Non foi a única denuncia presentada en Comisaría. Ese mesmo día, outra muller informou que ese mesmo día se presentaran no seu domicilio dous individuos para realizar unha inspección.
A muller nun primeiro momento negouse alegando que lle revisaran a instalación había pouco pero os individuos insistiron alegando que se se negaba podería enfrontarse a unha multa. Ante a ameaza da multa a señora aboou a cantidade de 319,31 euros aínda que nun primeiro momento os individuos lle solicitaron 600 euros.
A raíz das denuncias os axentes iniciaron as xestións para tratar de descubrir a identidade dos presuntos revisores de gas. Os axentes comprobaron como as características físicas destes individuos se correspondían coas doutros incursos en diferentes denuncias na Coruña, identificando tres individuos de 34, 28 e 27 anos de idade, dous deles con antecedentes policiais.