Frústrase por segunda vez o proxecto para reconverter o antigo cine Gónviz nun centro cultural
Por Alejandro Espiño
O proxecto para reconverter parte do antigo cine Gónviz nun espazo cultural multidisciplinar encontrouse de novo con serias trabas por parte do Concello de Pontevedra. Impúlsao un grupo de mozos de entre 25 e 30 anos, vinculado co mundo do teatro e da música, e trátase dunha iniciativa que particularmente "me atrae", recoñece o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro. Non obstante, será difícil que saia adiante.
Os técnicos municipais consideran que o proxecto non cumpre coa normativa en materia de seguridade, accesibilidade e protección ante posibles incendios, xa que, entre outras deficiencias, non conta con saída directa á rúa. Os promotores pretendían que o acceso ao local se fixese pola saída de emerxencia do antigo cine, situada na galería lateral que une Frei Juan de Navarrete coa rúa Castelao.
A única solución, asegura Louro, é entrar nunha negociación directa cos propietarios do local e coa multinacional Inditex, cuxa tenda de Zara Home ocupa dende hai anos o vestíbulo e o soto do cine Gónviz, que pechou en 2001. Dependería deles habilitar un acceso directo á rúa a través destas instalacións, o que levantaría os reparos dos técnicos do Concello de Pontevedra.
O proxecto presentado polos seus promotores pretende utilizar o patio de butacas e o anfiteatro do cine, situados na parte interior da mazá. A súa intención é destinalo a representacións teatrais e concertos e contaría ademais cunha sala de exposicións, cafetaría e restaurante.
En concreto, na planta baixa (694 metros cadrados) habilitaríanse almacéns, baños e unha sala de 276 metros cadrados para representacións teatrais e proxeccións. Inclúese ademais un escenario, unha barra de bar-cafetaría, vestiarios e accesos dende a galería lateral do antigo cine.
A primeira planta (547 metros cadrados) preténdese destinar baños, vestíbulo, almacén, tres aulas, enfermaría e anfiteatro de 118,7 metros cadrados, orientado cara ao escenario. E na segunda planta (420 metros cadrados) situaríanse baños, almacéns, tres oficinas, unha sala de proxección e unha sala de exposicións de 122 metros cadrados.
OUTRAS LICENZAS
Ademais, na Comisión de Urbanismo acordouse conceder a licenza de obra e acondicionamento de local que Sanitas presentou para abrir unha clínica dental na rúa Riestra, no local ocupado ata hai anos por unha sucursal de Caixanova; proxecto que custará 192.000 euros. Outorgouse tamén licenza a Lidl para reformar o seu supermercado na avenida de Lugo, no que se investirán 415.600 euros.