Rematan as obras de mellora da seguridade na estrada provincial Verducido-Xeve
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra vén de rematar os traballos de mellora da seguridade na estrada provincial EP-0011, Verducido-Xeve, que este martes visitou a deputada Ana Isabel Vázquez, acompañada do responsable de Infraestruturas, Manuel González Juanatey.
Os traballos consistiron na construción de dous muros de contención en granito, un en Verducido e outro en Gavián, co que se pretende asegurar o vial e evitar o risco de derrubamentos. No lugar de Gavián tamén se procedeu a acondicionar a canle dun regato.
As obras son continuidade das xa realizadas pola administración provincial nesta estrada e que incluíron o rozado e limpeza das beiravías entre Gatomorto e o Pontillón do Castro, o perfilado de cunetas e o asfaltado dun treito da estrada, que se completará unha vez rematen as obras da depuradora de Lérez por parte da empresa Acuaes, que reporá o firme danado.