Os autónomos confírmanlle á conselleira de Traballo que albiscan o final do túnel da crise
Por Redacción
A conselleira de Traballo, Beatriz Mato, visitou este luns 13 as instalacións da asociación rexional de autónomos de Galicia (APE Galicia) situada na Praza de España dentro das actividades programadas por este colectivo na que presentan ás autoridades os proxectos nos que traballan. Neste sentido, os autónomos mostraron a nova escola de formación que esta asociación puxo en marcha na rúa Herreros.
O presidente de APE Galicia, José Ramón Caldas Martínez, explicaba que están a realizar un esforzo para revitalizar a actividade empresarial e afirmaron que foron os últimos en entrar na crise pero tamén serán os últimos en saír.
Caldas Martínez mostrábase optimista indicando que comeza a verse o final do túnel da crise económica e o expresaba do seguinte xeito "hai un ano, pedinlle o presidente do Goberno que lle botara combustible o vagón que estaba parado por falta de gasóleo. Pedinlle que lle botase e parece que agora vai andando, vai lento pero imos saíndo". O departamento autonómico confirmou que destinará 4,5 millóns para beneficiar a preto de 1.500 mozos menores de 30 anos dentro do novo orzamento.
O próximo mércores 15 de outubro, este colectivo organiza unha xornada práctica sobre as novidades na tramitación telemática do rexistro de instalacións eléctricas na aplicación de Industra. Esta xornada, organizada por APE Galicia e por Instalectra, consiste en transmitir os contidos principais desta tramitación electrónica IN614C.
A actividade comezará ás 17.00 horas na Aula de Formación de APE Galicia na rúa Ferreiros de Pontevedra e rematará arredor das 19.30 horas. Vai tratarse a páxina de acceso ao novo aplicativo, o acceso ao formulario e introducción de datos, pagamento de taxas e a presentación telemática do formulario.
A asistencia é totalmente gratuíta e está financiada pola Consellería de Traballo e Benestar.