Comezan as obras de reparación da avenida de Marín
Por Redacción
Aínda que xa comezaron os traballos previos para a reparación da avenida de Marín, o groso do traballo arrancou este luns 13 de outubro tralo peche do carril de saída da cidade e o establecemento dos dous carrís de entrada en dobre sentido durante o tempo que duren as obras. Aínda que estaba previsto comezar hai uns días os traballos, as condicións meteorolóxicas dos días pasados impediron facer intervencións previas necesarias para variar o tráfico.
As obras de reparación teñen un orzamento de 126.000 euros, procedentes da fianza incautada á empresa Hidroscivil que non chegou a facer a reparación porque entrou en proceso concursal.
Está previsto facer reparacións, principalmente, nos pasos de peóns, nos pavimentos, mediana e tamén no carril-bici e no paseo peonil.
As obras teñen un prazo de execución de tres meses aínda que o avance dos traballos dependerán do tempo. O que si ten claro o goberno é que a prioridade é que a obra se faga ben, se remate ben e non se precipite a apertura por motivos de presión do tráfico.
Polo carril de saída da cidade transitan 6.000 vehículos diarios, e polos de entrada acceden á cidade uns 9.000 ao día, cantidades suficientemente asumibles ao igual que cando se fixo a obra, momento no que xa se pechou o carril de saída. Tamén está previsto prohibir a circulación de vehículos pesados pola avenida de Marín, que deberán transitar ben pola estrada vella ou por outras vías.
Para facer esta importante obra, a Policía Local elaborou un plan de tráfico específico:
Co fin de garantir o tránsito de vehículos, tanto de entrada como saída, o carril de entrada (Marín/Pontevedra), foi dividido en dous, co pintado dunha liña lonxitudinal continua amarela de delimitación de carril, onde se colocaron conos delimitando os sentidos de circulación e prohíbese a circulación de vehículos destinados ao transporte de mercadorías con tara máxima de 3,5 toneladas.
As obras terán unha longa duración (aproximadamente tres meses) o que vai a dificultar o tráfico
As obras terán unha longa duración (aproximadamente tres meses), o que vai a dificultar o tráfico, tanto de saída como entrada de vehículo, polo que, dende a Policía Local de Pontevedra aconséllase evitar, na medida do posible o tráfico por esta avenida.
Como alternativa existe a conexión a través da AP-9 (entradas e saída da autopista zonas leste, sur e norte da cidade), e a PO-10 (conexión Nó do Pino con saída a PO-11 (autovía de Marín). Ademais, recoméndase o acceso e saída da cidade cara a Marín pola rúa Rosalía de Castro (coñecida popularmente como estrada vella de Marín).
Relacionadas:
-
Jacobo Moreira propón modificar os xardíns do primeiro tramo da Avenida de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Peche dun carril na Ponte de Santiago e reapertura do tráfico na avenida de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Atrasan ata o luns o corte de tráfico da avenida de Marín para proceder á súa reparación
Por Redacción |