Un xulgado de Pontevedra cita como testemuñas nun xuízo por estafa a Mario Casas e Pablo Alborán
Por Oskar Viéitez
O próximo día 21 no edificio da Parda están chamados á declarar como testemuñas polo xulgado do Penal 2 de Pontevedra o cantante Pablo Alborán e o actor Mario Casas.
O fiscal pide dous anos de prisión por un delito continuado de estafa a Javier V. A.. Segundo o Ministerio Público o acusado fíxose pasar polo axente destes populares artistas sen que tivese estes dereitos, asinando o 21 de febreiro de 2012 coa empresa pontevedresa Cresconio S. L., a contratación de Pablo Alborán para dar dous concertos na discoteca Carabás os días 18 e 19 de maio dese ano. Como pagamento anticipado o acusado cobrou 1.800 euros.
Días máis tarde o acusado asinou outro contrato privado para a presenza en Carabás do actor Mario Casas, entregándoselle 5.000 euros.
A empresa reclama ademais os gastos realizados na campaña de publicidade para promover ambos os dous eventos así como as reservas hoteleiras feitas para tal ocasión.
Inicialmente o Ministerio Público descartara citar a declarar a Mario Casas e Pablo Alborán, pero o seu testemuño foi requirido por unha das partes comparecidas no xuízo.
Pablo Alborán xa solicitou ao xulgado a posibilidade de prestar declaración a través dunha videoconferencia. Non hai constancia de que Mario Casas realizase aínda este requirimento.
Relacionadas:
-
Nove meses de prisión para un estafador que se fixo pasar por axente de Pablo Alborán e Mario Casas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada