Os populares alertan da caída dun muro na reitoral de Tomeza
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular alertou da caída de parte do muro da antiga casa reitoral de Tomeza. Os populares xa advertiron o pasado mes de agosto do "lamentable estado" no que se atopaba a construción, e agora lamentan que "o equipo de goberno fixo caso omiso a esta denuncia".
Nun comunicado de prensa o PP de Pontevedra sinala que o estado no que se atopa este muro "supón un perigo constante para os veciños que a diario pasan pola zona ". Polo que o Partido Popular esixe ao Concello que se corrixa esta situación coa máxima urxencia. Ademáis afirman que "nin as queixas veciñais, nin a denuncia pública do Partido Popular serviron para evitar esta situación.
Finalmente lembran que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, "segue sen cumprir a promesa que fixo aos veciños da parroquia de Tomeza hai nove anos".
En 2005, o Concello solicitou a permuta dos terreos ao Arcebispado para así construír unha casa da cultura, restaurar as construcións de valor histórico coma o alpendre e o hórreo, ampliar o atrio parroquial e habilitar unha zona de ocio na que atopábase incluso un parque infantil. Anos máis tarde, asinouse o acordo. Deste xeito, o Concello de Pontevedra quedouse con 5.300 metros cadrados en Tomeza e a Igrexa fíxose con 2.500 metros cadrados na zona de A Parda.
O acordo supuxo para as arcas municipais 60.000 euros de gasto. "O único que recibiron os veciños de Tomeza é unha simple explanada cuberta de maleza", din dende o PP.