O PP alerta de que a reitoral de Tomeza "ameaza con caer"
Por Redacción
A antiga casa reitoral de Tomeza presenta un "lamentable" estado de conservación e mesmo "ameaza con caer", de modo que xera unha situación de "importante perigo" para os peóns. Así o denunciou o presidente local do PP, Jacobo Moreira, que cualifica de "deplorable" o mantemento da construción.
Moreira reuniuse coa Xunta Parroquial e sinala que hai sobre este tema reiteradas queixas dos veciños, de modo que insta ao Goberno local a que tome medidas para evitar que sigan caendo máis pedras ao camiño e cumpra unha promesa asumida xa hai nove anos cos veciños para levantar unha casa da cultura nova en Tomeza.
O PP lembra que en 2005 o Concello de Pontevedra solicitou unha permuta de terreos ao Arcebispado co compromiso de levantar unha casa da cultura nova, restaurar as construcións con valor histórico como o alpendre ou o hórreo, ampliar o adro parroquial e habilitar unha zona de lecer e ocio cun parque infantil. O acordo asinouse e o Concello quedouse con 5.300 metros cadrados en Tomeza e a Igrexa con 2.500 metros cadrados na Parda.
Os 'populares' denuncian que esa permuta non repercutiu nos veciños, xa que a única obra que se fixo foi habilitar unha explanada na que gastou máis de 60.000 euros. "Tantos anos de promesas de Lores e ao final só fixo unha explanada, utilizada unhas veces como aparcadoiro e outras como campo da festa", lamentou Jacobo Moreira.