Demolición voluntaria dun edificio abandonado en Meis
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Un edificio de dúas plantas, abandonado e construído en solo urbano no Pazo, no Concello de Meis, foi demolido de xeito voluntario polos seus propietarios tras a imposición de dúas multas coercitivas por parte da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
A unidade da Policía Nacional adscrita á comunidade galega puxo en coñecemento da APLU a existencia dunha construción de dúas plantas abandonada no lugar do Pazo, na parroquia de Santo Tomé de Nogueira. Posteriormente a axencia incoou un expediente que culmina cunha orde de demolición.
Tras a imposición de dúas multas coercitivas por parte da axencia, o propio interesado deu conta do cumprimento da orde de demolición. A APLU, coa colaboración da unidade de policía nacional, constatou o pasado 24 de setembro que a demolición foi executada.
Dende a APLU están a percibir unha maior concienciación por parte da cidadanía, que cada vez cumpre con máis axilidade as resolucións de reposición, polo que son menos as multas coercitivas que se impoñen aos afectados.