As chuvias volverán na noite do sábado ás Rías Baixas
Por Redacción
Este venres, as baixas presións debilitaranse nas Rías Baixas ofrecendo unha área atmosférica bastante estable e tranquila, con ceos parcialmente anubrados. As temperaturas mínimas están en descenso mentres que as máximas non rexistran cambios significativos situándose sobre os 20 graos centígrados.
Segundo os datos que ofrece MeteoGalicia, durante o sábado, a provincia permanecerá baixo a influencia dun centro de baixas presións situado no Atlántico ao oeste da Península Ibérica. Presentaranse ceos con intervalos nubrados, sobre todo a partir das últimas horas da tarde, con posibilidade de que se produza algún chuvasco ocasional. As temperaturas non experimentarán cambios significativos con ventos frouxos de dirección variable.
A área atmosférica será inestable durante o domingo 12 con ceos cubertos e chuvascos frecuentes de intensidade moderada, puntualmente fortes, con posibilidade de que se produzan treboadas. As temperaturas mínimas ascenderán lixeiramente e as máximas baixarán polo que haberá menos diferenza de temperatura entre a madrugada e o mediodía. Os ventos soprarán de compoñente norte.
A meteoroloxía continuará na mesma liña coa entrada da semana. Durante o luns e martes haberá probabilidades de chuvascos, aínda que as chuvias non serán continuadas. E espérase, segundo MeteoGalicia, que esta inestabilidade se reduza a partir do mércores ante a presenza anticiclónica procedente do norte de África, que provocará un aumento das temperaturas.