Módulos e madeira para tres novas visións do mobiliario urbano
Por Redacción
Tres propostas adaptables, grazas a súa construción modular, a diferentes usos e lugares, e que teñen na madeira o seu principal material.
Eses son os denominadores comúns dos proxectos de mobiliario urbano nos que tres grupos interdisciplinares estiveron traballando nos últimos meses. Foi no marco do programa Apostando polo deseño para tod@s, e que este xoves presentaron ao xurado desta iniciativa enmarcada dentro do programa sociocultural Tangram, que a Vicerreitoría do campus promoveu coa colaboración da Concellaría de Cultura.
Trala deliberación desta xornada, o xurado fará público proximamente o nome dos proxectos premiados por esta iniciativa no que o galardón final consiste en outorgarlle aos responsables da proposta ou das propostas seleccionadas a posibilidade de presentar a súa idea en foros profesionais de recoñecido prestixio, grazas á colaboración de Confemadera, e así poder achegar ao mercado real propostas innovadoras nacidas dun traballo interdisciplinar.