A Universidade e o Concello estreitan lazos a través de Tangram 2015
Por Redacción
As titulacións do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, o Concello e Portal 48 afondan na súa colaboración e traballo conxunto a través da posta en marcha da segunda edición de Tangram, un programa sociocultural dun ano de duración.
O vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho; as concelleiras de Cultura e Benestar Social, Anxos Riveiro e Carmen Fouces; e as responsables de Portal 48, Rocio Gómez-Juncal e Ana Seoane, presentaron este luns Tangram 2015 coa alegría de poder anunciar que un proxecto realizado na primeira edición, Urb@nc, foi seleccionado para os premios internacionais que outorga a Design For All Foundation.
Corbacho resaltou que este "chanzo máis" na colaboración entre a Universidade e o Concello permite "enriquecerse mutuamente" aos cidadáns e estudantes, ao tempo que defendeu que "para a universidade é importante estar presente na cidade".
Nesta segunda edición, Tangram encaixará o coñecemento especializado da Universidade co traballo de concienciación social e a visibilización das oportunidades socioculturais de Pontevedra a través de traballos conxuntos coa cidadanía e con accións de comunicación, arte, formación e saúde.
Esta iniciativa multidisciplinar pretende que Campus Crea, como especialización do campus de Pontevedra, cobre protagonismo orientando a acción social na súa vertente máis creativa, desde todos os puntos de vista que poden ofrecer as titulacións do campus. Este ano materializarase en tres proxectos: 'De Bruxas e Bolboretas', 'Cine con con(s)ciencia' e 'Prismas da cidade'
Este ano materializarase en tres proxectos: 'De Bruxas e Bolboretas', 'Cine con con(s)ciencia' e 'Prismas da cidade'
Carmen Fouces amosou a súa satisfacción pola presenza este ano dun proxecto que implica á Concellaría de Igualdade e pemite fomentar o valor da sensibilización e da prevención da violencia. Trátase de 'De Bruxas e Bolboretas', que ten por obxecto promover que grupos de estudantes de diferentes titulacións deseñen unha serie de accións de concienciación e sensibilización, que se visibilizarán na semana previa ao Día Internacional Contra a Violencia de Xénero.
Anxos Riveiro explicou que 'Cine con con(s)ciencia' aspira a promover a integración das persoas que padecen algún tipo de discapacidade a través dunha curtametraxe e avanzou que "trataremos de involucrar aos colectivos sociais para facer unha curta coa que consigamos ver a realidade das persoas con discapacidade desde diferentes ópticas".
En relación con 'Prismas da cidade', explicou que é unha iniciativa para a que se recompilarán "visións moi diferentes" de Pontevedra, nunha especie de folleto turístico que "non será estritamente turístico" senón unha "pequena publicación" que se distribuirá entre os novos estudantes que chegan cada ano ao campus e que aportará "visións persoais e vivenciais" ligadas ás diferentes titulacións do campus.
Relacionadas:
-
Presentan o primeiro caderno de viaxe da cidade de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
'De bruxas e bolboretas', unha marea de accións contra a violencia de xénero
Por Redacción |
-
Dúas pezas e infinitas posibilidades de mobiliario urbano
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Módulos e madeira para tres novas visións do mobiliario urbano
Por Redacción |
-
Os veciños da Parda gañan o premio da Universidade de Vigo "Constrúe en verde"
Por Redacción |
-
O Concello e a Universidade reafirman os seus compromisos de colaboración
Por Redacción |