A Deputación inicia os traballos da Variante de Covas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, visitou este xoves as obras da variante de Covas, que a Administración provincial comezou a executar para mellorar o acceso a esta parroquia e á Pousada de Covas, en Meaño.
Durante a visita, na que estivo acompañado pola alcaldesa de Meaño, Lourdes Ucha, Louzán subliñou que se trata dunha obra pensada para "mellorar a fluidez do tráfico" neste punto e corrixir o estreitamento que se produce no entronque da estrada provincial 9306 Covas-Padrenda, coa EP 9302 Xil-Covas-Barrantes, cos conseguintes problemas de seguridade tanto para o tráfico rodado como peonil.
As obras completan os traballos de mellora que se están a realizar no resto da estrada, e permitirán crear un vial de 10 metros de ancho, con dous carrís de circulación e beiravías.
A necesidade de crear esta variante vén dada pola imposibilidade de anchear o citado treito final da estrada Covas-Padrenda, debido a que a ambos os dous lados da vía existen vivendas e establecementos.
As obras acaban de comezar e contan cun orzamento de 235.000 euros, que sumada á cantidade destinada á mellora do resto do vial suporá un investimento próximo aos 500.000 euros.
Tanto Louzán como Ucha agradeceron a colaboración veciñal coa cesión dos terreos necesarios e asegurou que estes traballos suporán "un beneficio" para toda a parroquia, na que existe unha "notable concentración de establecementos hostaleiros que cada fin de semana atraen a centos de persoas".