Un grupo de mozos pontevedreses crea a primeira asociación xuvenil de enfermeiros de Galicia
Por Redacción
Un grupo de mozos pontevedreses crea a primeira asociación xuvenil de enfermeiros de Galicia, a Asociación de Mozos Enfermeiros de Pontevedra (AJEPO).
Segundo os seus membros constituíntes, esta formación créase a partir das inquietudes dun grupo de mozos titulados en Enfermaría ante a precaria situación laboral do seu sector que, ao igual que noutros, afecta directamente aos máis novos e dende a que se pretende que sexan tidos en conta ante os órganos das distintas institucións.
Entre as funcións de AJEPO, destaca a interrelación entre os estudantes de Enfermaría e titulados en Enfermaría da provincia para poder participar activamente na orientación dos recén titulados para incrementar a súa formación e obter presenza institucional como grupo organizado.
O Colexio de Enfermaría de Pontevedra prestou o seu respaldo a estes mozos apoiándoos en todo momento e aplaudindo a iniciativa como un resorte máis dentro das accións do colectivo enfermeiro; segundo datos do Colexio, en 5 anos serán máis de 2000 novos profesionais os que saian das escolas de Enfermaría galegas ante un escenario incerto no que o actual sistema sanitario, lonxe de crear novas prazas, sementa recortes.
Neste sentido, o Colexio asinou un acordo de colaboración coa nova asociación para, entre outros asuntos, abordar unha posible diminución de cota colexial aos novos titulados, que se xeneralizaría a todos os colexiados que se encontren en situación de paro.
A asociación, sen ánimo de lucro, pretende incorporar gratuitamente a todos os estudantes e recén graduados de ata 29 anos, idade máxima establecida pola Xunta para a pertenza a asociacións de carácter xuvenil. En breve iniciarán a campaña de captación de socios servindo toda a información necesaria a través da web oficial www.ajepo.com que nuns días estará xa operativa.