Atopan baixo a maleza á "desaparecida" Fonte do Noco en Lourizán
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Membros da Xunta de Montes da parroquia de Lourizán denunciaran durante os pasados días a desaparición da Fonte do Noco e entendían que alguén a roubara ou a destruíra. Non obstante, esta mañá, técnicos do Concello de Pontevedra achegáronse ata a zona e comprobaron que a fonte se encontra no mesmo lugar no que estivo sempre. Non obstante, o manancial presenta algún problema no chorro da auga e ofrece un caudal moi escaso que, segundo os técnicos, se debería a encontrarse obstaculizado nalgún punto.
O Concello de Pontevedra sinalou que se van realizar os traballos precisos para devolver o chorro da auga á fonte. A Fonte do Noco localízase ao final dun camiño de servidume que estaban en moi mal estado e que limparon recentemente os propietarios dos terreos lindantes. A instalación non estaba a ser moi empregada polos veciños e, por ese motivo, quedou invadida pola maleza provocando a "desaparición" que denunciaban dende a Xunta de Montes.
Durante os últimos meses acometéronse obras de rehabilitación integral da estrada do Regueiriño, na que se encontra a fonte. O regato de auga situábase nun lugar afastado para parte da poboación e agora canalizouse toda a auga dende a Fonte do Noco ata a parte máis baixa e accesible para os veciños, aproveitando as obras de asfaltado e recollida de pluviais. Desta forma, creouse unha nova fonte para que poida ser utilizada polos veciños.
A XUNTA DE MONTES RESPONDE
Dende a Xunta Rectora da Comunidade de Montes sinalan que a fonte estaba aparentemente "desaparecida", non só pola maleza como se apunta dende o Concello de Pontevedra, senón tamén por un derrubamento do interior da fonte, que provocou que o interior se enchera de pedras e terras. Indican que o veciño que denunciara a desaparición pasou os últimos días limpando a zona e o interior da fonte e non os propietarios dos terreos lindantes. Tamén destacan que algún veciño fixo obras diante da fonte, para meter unhas tubaxes baixo unha capa de formigón, polo que a Xunta de Montes deducira erroneamente que a fonte fora destruída para captar a auga.
Sinalan que o problema de obstaculización que apunta o Concello, probablemente vén do derrubamento da estrutura interior da fonte. O tema foi tratado polo Consello Parroquial esta semana e acordou a necesidade de levar a cabo unha recuperación integral da fonte e da súa contorna. Indican que devolver o chorro da auga á fonte resulta insuficiente.
Desminten ao Concello apuntando que as obras da estrada do Regueiriño non se canalizaron senón que se fixo un retranqueo e unha rehabilitación da fonte/bebedoiro que xa existía na parte baixa con auga non potable, e que cos anos quedara afundida respecto ao camiño. A Xunta de Montes indica que os veciños quedaron moi contentos con esta actuación do Concello que viña solicitándoa dende hai tres anos.