Pontevedra acolleu o Campionato galego de ebanistas e carpinteiros Galiciaskills 2014
Por Redacción
O CIFP A Xunqueira de Pontevedra desenvolveu ao longo deste martes o campionato galego de Formación Profesional, Galiciaskills 2014, que se centra, no caso deste centro, nas especialidades de ebanistaría e carpintaría.
Nesta edición, ademais dos estudantes pontevedreses, participaba tamén alumnado do IES Ortigueira, do CIFP Politécnico de Santiago, do CIFP Valentín Paz Andrade e do CIFP Ferrolterra.
A Consellería de Cultura e Educación organiza este campionato, en colaboración co Fondo Social Europeo e patrocinado por diversas empresas do sector, tralo éxito conseguido nas anteriores edicións.
Consiste en 16 competicións, de carácter voluntario, que se desenvolven en centros educativos que imparten formación profesional das especialidades que participan neste concurso e nas que os participantes medirán as súas destrezas e demostrarán as súas capacitacións na realización das correspondentes probas.
O primeiro clasificado de cada categoría representará á comunidade autónoma no campionato nacional de FP que se celebrará en Madrid en febreiro do próximo ano. Tamén recibirán unha certificación e un obsequio o primeiro e segundo clasificado de cada skill, e a todos os competidores entregaráselles un diploma acreditativo da súa participación.