Louro di que resulta "evidente" que o Hospital de Monte Carrasco nunca estivo nos plans do PP
Por Redacción
"A Xunta de Galicia e o Partido Popular perderon toda credibilidade ao respecto dos plans para a construción do suposto novo hospital de Monte Carrasco", así o entende o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro.
"Incumprida a promesa realizada formalmente polo presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feijoo, a todos os pontevedreses o pasado 26 de xuño de 2009, xa só queda a cortina de fume do enfrontamento institucional para tapar a realidade", di o concelleiro socialista quen considera "inconcibible" a proposta de convenio enviada polo Sergas ao Concello de Pontevedra na que se establecen condicións "surrrealistas co único ánimo de continuar mantendo a pantasma de Monte Carrasco".
"Xa só queda a cortina de fume do enfrontamento institucional para tapar a realidade", di Louro
Para Louro resulta "evidente" que ese hospital nunca estivo nos plans do Partido Popular, "cuxa única decisión firme foi o abandono do proxecto do hospital único en Montecelo, que era a demanda unánime de toda a sociedade pontevedresa, incluído o propio PP e mesmo do actual xerente do Complexo Hospitalario".
Louro considera unha "burla" que se presente un borrador de convenio que esixe unha colaboración económica do Concello en obras de urbanización e dotación de servizos que pode oscilar entre os 40 e os 60 millóns de euros, cifra próxima á totalidade do orzamento municipal anual e que supón nada menos que a metade do que estaba previsto investir no Hospital ÿnico de Montecelo.
O tenente de alcalde recalca tamén a "falta de cortesía institucional" que supón remitir unilateralmente un borrador de convenio que non responde a negociacións previas de ningún tipo, que resulta "contraditorio" cos acordos alcanzados no seu día e co que só se pretende ocultar a realidade do abandono da área sanitaria de Pontevedra.
"A día de hoxe, cinco anos despois do grandilocuente anuncio, cando o Hospital de Montecarrasco debería estar inaugurándose, a Consellería nin sequera presentou o estudio de viabilidade económico-financeira previo á licitación baixo a modalidade de financiamento público-privado", di o tenente de alcalde.
"Os pacientes de Pontevedra foron utilizados como moeda de cambio"
O "relevante", conclúe Louro, é que os pacientes de Pontevedra "foron utilizados como moeda de cambio para engordar o Complexo Hospitalario de Santiago (mesmo se chegou a barallar levar os de Marín a POVISA) e que en Pontevedra non se prestan servizos especializados esenciais, como a Radioterapia".
Louro volve facer un chamado á Consellería e á Xunta para lembrar a necesidade de efectuar unha planificación sanitaria seria para a área de Pontevedra, baseada nun hospital único de agudos en Montecelo, un gran Centro de Especialidades e de acollida de crónicos no Hospital Provincial e, finalmente, a reconversión da Casa do Mar de Mollavao no cuarto Centro de Saúde que completaría a rede de Atención Primaria na cidade.
Relacionadas:
-
Pontevedra di 'NON' ao Sergas: o Concello non asumirá a urbanización de Monte Carrasco
Por Alejandro Espiño |
-
Sanidade 'desbloquea' o novo hospital instando ao Concello a que asuma a urbanización de Monte Carrasco
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta anuncia a "inmediata" licitación das obras de ampliación do Hospital do Salnés
Por Redacción |
-
Sanidade evita poñer data ao Hospital de Monte Carrasco ata resolver o financiamento
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |