Lores, sobre as actividades de Resistencia Galega: "Non ten sentido ningún tipo de actitude violenta"
A noticia de que Pontevedra era un dos obxectivos do presunto membro de Resistencia Galega detido pola súa suposta vinculación co atentado contra a Casa Consistorial de Baralla (Lugo), sorprendeu na cidade. Tamén ao propio alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que afirmou que as forzas e corpos de seguridade do Estado non alertaron en ningún momento ao goberno municipal sobre esta posibilidade.
"Eu non tiña coñecemento ningún", asegurou Fernández Lores. En todo caso, o rexedor capitalino condenou este tipo de atentados porque sinalou que "non ten sentido ningún tipo de actitude violenta contra institucións neste momento". Afirmou que, sexa na cidade que sexa, "non estou de acordo con que se fagan este tipo de atentados, porque non hai motivo nin xustificación algunha para facelo".
Antes de que se coñecera, a través do auto do xuíz, o achado na vivenda do detido dun mapa de Pontevedra con diversos obxectivos marcados en vermello, tamén se referiu a este caso o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Durante un acto celebrado na cidade, lamentou que "agora mesmo é en Galicia por desgracia onde se están producindo atentados e non sucede en ningún outro sitio".
Tras felicitar, entre outros á Garda Civil e á Policía Nacional, por actuar con "dilixencia" nunha operación que aínda está en marcha, Alfonso Rueda destacou que as autoridades mandaron unha mensaxe "clara" a todos aqueles que cometan ou apoien este tipo de actos terroristas. "Non teñen cabida en Galicia", afirmou o vicepresidente autonómico. "O problema está aquí e polo tanto temos que acabar con el canto antes".
Neste sentido, reiterou que as forzas e corpos de seguridade "están facendo un esforzo" para desarticular a esta banda terrorista, pero quixo mandar unha mensaxe de tranquilidade, porque explicou que "non creo que se esté producindo un esforzo especial máis alá do que se está facendo todos os días que xa é moi intenso".
"Toda a forza democrática estará na súa contra e fará todo o posible para que sexan postos a disposición da Xustiza e, se así o deciden os xuíces, paguen por este tipo de accións que non teñen cabida en ningún sitio e menos que en ningún sitio en Galicia, que a rexeitou sempre e a seguirá rexeitando", concluíu Rueda.