Un presunto narcotraficante enfróntase a nove anos de cadea por vender droga nas inmediacións da cidade
Por Redacción
Un presunto narcotraficante sentarase esta semana no banquillo dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra para render contas pola súa presunta actividade vendendo droga nas inmediacións da cidade, coa complicidade doutras cinco persoas que se encargarían de almacenarlle e vender a droga.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o xuízo desenvolverase o martes 7 e o xoves 9 na Sección Segunda e este individuo se enfronta, como presunto líder, a unha pena de nove anos de prisión e ao pagamento dunha multa de 300.000 euros.
Aos outros cinco acusados neste caso que instruíu o Xulgado de Instrución número 1 da capital, a Fiscalía de Pontevedra tamén lles atribúe un delito contra a saúde pública e pide que sexan condenados a penas de entre seis e nove anos e diferentes multas.
O fiscal sostén no seu escrito de cualificación que o principal acusado e presunto líder se dedicaba á venda de droga nas inmediacións da cidade de Pontevedra, e tamén en Málaga e Cádiz, actividade para a que contaba coa colaboración dos outros cinco.
Nunha das vixilancias policiais ás que foron sometidos os procesados, os investigadores comprobaron como entregaban en Alxeciras un quilo de cocaína. Ademais, no rexistro que se realizou na casa do presunto líder foron localizados 41.000 euros.