Un mozo rómpelle o naríz e os dentes a outro por tropezar con el nun pub
Por Redacción
Un mozo de 28 anos de idade, veciño de Pontevedra, con antecedentes, foi detido como presunto autor dun delito de lesións.
Segundo informan dende a Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra os feitos sucederon o día 19 de setembro sobre as 4.00 horas da madrugada nas inmediacións da praza de Méndez Núñez.
Segundo o denunciante, cando se encontraba no interior dun pub tropezou sen querer cun rapaz e este sen máis comezou a propinarlle varios puñazos na cara, un dos cales lle produciu a rotura dos lentes que levaba postos.
O porteiro do establecemento sacounos a ambos os dous do interior e unha vez na rúa cando estaban a tratar de aclarar as cousas este individuo volveu propinarlle un puñazo que o deixou completamente atordado e provocou que caese ao chan, continuando o agresor dándolle patadas por todo o corpo.
Cando recuperou a consciencia estaba a ser atendido no Hospital Montecelo onde o trasladaran, presentando diferentes policontusións, fractura dos ósos propios do nariz e lesións en varias pezas dentais.
Unha vez solicitados datos do presunto autor os axentes procederon á súa detención o día 1 de outubro ás 12.15 horas da mañá como presunto autor dun delito de lesións.
Os axentes identificaron ademais as testemuñas, participantes ou intermediarios na liorta.