Arranca o curso na Escola de Teoloxía de Segrares
Por Oskar Viéitez
A Escola de Teoloxía de Segrares de Pontevedra presentou o seu programa para o presente curso académico, unha oferta que "non ten como finalidade última a erudición, senón a vida e os ámbitos nos que esta se desenvolve".
Esta Escola de formación teolóxica, que ten a súa sede local no Colexio das Doroteas, na rúa Alfonso XIII, está dirixida a aquelas persoas que desexan coñecer de forma orgánica a proposta cristiá, que están vinculados á comunidade parroquial, sen necesidade dun título ou un estudo específico.
"Os continuos cambios da nosa sociedade, os interrogantes que suscitan e os novos retos que formulan, esixen de nós unha formación que nos axude a dialogar co mundo contemporáneo", explican dende a Escola.
O martes 7 de outubro terá lugar o acto inaugural a cargo do profesor José Antonio Castro Lodeiro.
A oferta de cursos que propón para o primeiro cuadrimestre (do 14 de outubro ao 27 de xaneiro) son: "Unha mirada ao home contemporáneo", de man do profesor Carlos Pose Varela, e "A Igrexa do Papa Francisco: Aberta por obras", profesor José Antonio Santos Calvar.
O segundo cuadrimestre a profesora Fátima Romar Vázquez dirixirá o curso "A muller no mundo cristián" e o profesor José Fernández Lago coordinará o curso "Ao encontro de Deus camiño da montaña".
As clases son os martes en horario de 19:30 a 21:30 horas e a matrícula pódese formalizar na secretaría da Escola ou na web teoseglares.wordpress.com.