O SUP non asistirá aos actos conmemorativos do Día da Policía
Por Oskar Viéitez
O Sindicato Unificado de Policía (SUP) de Pontevedra comunicou a súa decisión de non asistir aos actos conmemorativos do Día da Policía que se celebrarán o día 2 de outubro de 2014.
Este sindicato quixo deixar claro o respecto que se merece este día, festivo para todo o colectivo, "no que moitos compañeiros serán merecidamente distinguidos con condecoracións polos seus servizos e sacrificios profesionais" por iso explica que os motivos que lles levan adoptar esta decisión.
Por un lado destacan a "constante falta de criterio na concesión de medallas" que fan que, xunto a compañeiros con méritos recoñecibles, "se distinga a outros de imposible xustificación e que en ningún caso teñen cabida na lei que recolle os requisitos a cumprir para ser acredor destas".
En concreto cita o SUP no seu comunicado que na comisaría de Pontevedra non se concedeu ningunha distinción aos compañeiros que, cumprindo eses requisitos, puxeron en perigo a súa integridade física, tal é o caso de funcionarios que detiveron un delincuente especialmente perigoso, que estivera implicado en varios roubos e nun tiroteo para eludir a detención.
As críticas do Sindicato Unificado de Policía alcanza á Lei de Persoal, "que esta dirección pretende introducir sen apenas negociación sindical" e á que o SUP votou negativamente no Consello da Policía, por "supoñer unha importante mingua de dereitos".
Rexeitan a "crecente militarización" do Corpo Nacional de Policía
Ademais rexeitan a "crecente militarización" do Corpo Nacional de Policía. "Non por ser militar ése máis eficaz e aí están exemplos moi recentes", sinalan.
Finalmente este sindicato denuncia o "mal trato ao que estamos a ser sometidos pola escaseza de medios, mal remunerados, pola constante perda de dereitos a pesar do cal este colectivo segue dando mostras da súa entrega e dedicación ao cidadán, alcanzando grande resultados na loita contra a delincuencia".