As traballadoras da Pontesa, protagonistas dunha nova actividade do programa "A memoria das mulleres"
Por Redacción
Sete mulleres que traballaron na fábrica da Pontesa entre os anos 50 e 80 serán as protagonistas da nova actividade do proxecto A memoria das mulleres. A Casa da Cultura de Ponte Sampaio acollerá este xoves 2 de outubro ás 20.00 horas, un encontro no que se fará unha retrospectiva en clave de xénero da época de esplendor da fábrica. Estará presentado e moderado pola actriz Comba Campoy.
O acto quere ser un punto de encontro para todas aquelas mulleres da contorna empregadas na Pontesa e estará aberto á intervención das persoas asistentes.
Durante case catro décadas, destacan desde a Concellaría de Patrimonio Histórico, moitas mulleres da área de Pontevedra concentraron a súa forza de traballo na fábrica da Pontesa, unha das máis modernas e avanzadas nos seus comezos e protagonista de protestas laborais nos últimos anos.
Desde crear as pezas de cerámica ata decoralas, barnizalas ou empaquetalas, mozos e maioritariamente mozas aprenderon a traballar nun incipiente modelo industrial organizado en seccións, con primas e control de produtividade así como unha cadea de mando definida, algo que pouco tiña que ver cos labores que viñan desempeñando as mulleres tradicionalmente na zona, vinculados á terra, ao mar ou a oficios como a costura.
A través dunha conversa con algunhas destas mulleres empregadas da Pontesa, esta mesa redonda busca coñecer o cambio social e persoal que supuxo para elas e a contorna ter un traballo deste tipo en tempos nos que a muller tiña máis dificultades para acceder a un posto asalariado.
Ademais acompañarán coas súas narracións persoais a historia da fábrica e axudarán a botar unha ollada á parte humana que se agochaba tras das paredes da mítica Pontesa.
O acto estará aberto á intervención dos asistentes.
Relacionadas:
-
As mulleres, protagonistas da visita ao cemiterio de San Amaro
Por Redacción |
-
Un repaso pola vida da fábrica de Alfares de Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
"Nestes tempos precisamos recuperar o exemplo de persoas íntegras coma Ernestina Otero"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Visita polo roteiro dos oficios das mulleres do antigo barrio da Moureira
Por Redacción |
-
Preservar a memoria colectiva a través das mulleres
Por Redacción |