Os viais interiores da parroquia de Rebordelo serán pavimentados
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, acaba de facer pública a adxudicación dun proxecto que contempla a pavimentación da zona interior do núcleo de Rebordelo, que se encontraba moi deteriorada pola presenza de gabias recubertas posteriormente por formigón, que foron realizadas no seu día polos veciños para renovar a súa traída de augas.
Con esta actuación pavimentaranse estes viais co obxectivo de mellorar o acceso á maioría das vivendas de Rebordelo que se encontran situadas nesta zona interior cunha capa de rodadura que iguale a estrada ao tempo que a preserva contra a acción das chuvias que se prevén para a tempada de outono-inverno que agora comeza.
Ademais, dentro tamén o II Plan de Obras da Deputación se acometerá a mellora do firme entre o Cemiterio Municipal de Ponte Caldelas e o barrio do Lombo, en Cuñas, un tramo que soporta un importante tráfico rodado e que precisaba dunha actuación de mellora neste sentido. Recentemente mellorouse o firme entre a igrexa e o cemiterio e con esta actuación complétase esa obra entre o cemiterio e Cuñas.
Perfecto Rodríguez espera que estas obras poidan executarse antes da chegada do inverno, sempre e cando o tempo permita levalas a cabo con garantías.